O coronavirus e a cultura

Artigo en La Voz de Galicia

Imaxe Artigo LaVoz

O sector cultural en Galicia xa non ía boiante. A crise económica de 2008 supuxo a caída en picado dos consumos culturais da poboación e o recorte abrupto do gasto público en cultura, o que levou á desaparición dun terzo do emprego. Aqueles autónomos e microempresas que lograron sobrevivir fixérono en condicións moi precarias, sen apenas capacidade de aforro. Como consecuencia, os profesionais da cultura ficaron tremelicando, cunha dúbida existencial sobre a viabilidade do seu futuro.

Nos últimos catro anos, conforme a crise foi quedando atrás, agromaron novas empresas e recuperouse o emprego perdido, en parte grazas á acción cultural dos concellos. Melloraron as cifras e colléronse folgos, tamén co alento do previsible maná investidor do Xacobeo. A pesar de que os problemas estruturais persistían, había un clima de moderado optimismo e daba a impresión de que a cultura se tiña instalado, por fin, nunha certa normalidade.

E daquela chegou o coronavirus e mandou a parar. No momento en que isto escribo pecharon os museos, teatros, bibliotecas, centros cívicos e demais espazos culturais, e anunciaron a súa cancelación ou aprazamento numerosos festivais e eventos ao vivo, co cal a clausura do sector foi súbita e completa. Con todo, o peor non é iso, asumir un peche transitorio, senón as estarrecedoras expectativas a medio prazo. Nos vindeiros meses o gasto público vaise disparar para enfrontar a emerxencia sanitaria e social, co conseguinte endebedamento da economía, o que anuncia un novo período de austeridade. A cultura pode quedar relegada, como en 2008, ás últimas posicións na listaxe de prioridades.

Xogámonos moito. O sector cultural é a ferramenta que dá forma á nosa visión da vida, que dá voz á nosa comunidade e nos permite pensar e sentir por nós mesmos. E tamén é a nosa tarxeta de presentación ante o mundo. Hai uns días, o presidente da Xunta sinalaba que as dúas marcas galegas con maior proxección internacional eran Zara e o Camiño de Santiago, é dicir, unha industria creativa e un fenómeno cultural. Conscientes dese potencial, Francia e Gran Bretaña preservan os seus sectores culturais como ouro en pano. Ou mesmo Alemaña, que vén de declarar a cultura como ben de primeira necesidade.

En datas recentes, dezaoito asociacións profesionais de todas as disciplinas da cultura galega elaboraron unha batería de propostas para tentar sortear o abismo e minimizar os danos. Tamén a consellería competente anunciou unha liña de axudas, aínda por concretar. Polo ben de todas e todos, cómpre desexarlles o maior dos acertos. Non podemos permitirnos que a solución a esta crise sexa similar á anterior, coa desprotección e abandono da cultura.

MARCOS LORENZO

 

A industria cultural en Galicia

No pasado mes de agosto (2019) publicamos un artigo no Jornal de Letras de Lisboa no que tentamos explicar de forma sintética a evolución recente e situación actual do tecido empresarial da cultura en Galicia. Podédelo consultar pinchando na imaxe inferior. Espero que vos preste.

Tamén poderedes ler un magnífico texto de Inma López Silva sobre a nosa escena teatral.

Graciñas a Ramón Villares polo convite!

Informe Anual da Cultura en Santiago de Compostela 2018

Esta mañá presentamos no Pazo de Raxoi o primeiro Informe Anual da Cultura en Santiago de Compostela (2018), una exhaustiva compilación de datos estatísticos sobre a cultura municipal, ao que se engade unha consulta a 322 axentes socioculturais para coñecer a súa opinión sobre a saúde cultural do noso concello.

Foron meses de arduo traballo e dedicación exclusiva, ademáis dun verdadeiro reto profesional ao non existir publicacións similares noutras ciudades galegas e mesmo na contorna estatal.

O seguinte paso será que a información se actualice periódicamente e que así a capital de Galicia se consolide como un referente en canto a rigor, transparencia e profesionalidade na elaboración das políticas culturais.

Con enorme ledicia comparto agora o documento con todas vós. Agardo que vos interese.

(*) Desde aquí o noso recoñecemento á figura de Xan Bouzada, pioneiro, predecesor e mestre neste campo de análise.

 

Para ver a publicación completa, preme aquí: Informe Anual da Cultura en Santiago 2018

Festa do Banquete de Conxo 2019

6

En fase de recuperación logo de meses dedicados ao deseño e organización da Festa do Banquete 2019.

Teremos que seguir mellorando en futuras edicións pero por agora os resultados son moi satisfactorios. Segundo a prensa incrementouse a afluencia de persoas nun 50% a respecto de 2018. Con todo, para min o máis importante desta vez foi ensanchar a base social da Festa, coa participación da veciñanza dos barrios do Castiñeiriño, Pontepedriña e Santa Marta – A Choupana. E sobre todo as cariñas de emoción e felicidade de nenas e nenos durante “O Pequeno Banquete”, tanto na representación teatral como na gravación do videoclip musical (graciñas aos Quinquilláns e á Banda da Loba por iso).

Maior participación veciñal e maior orientación didáctica para a infancia e a mocidade son dúas claves para a sustentabilidade da Festa.

O meu recoñecemento ao equipo técnico do Concello de Santiago, e en particular a Xulio Noia, director do Centro Cívico de Conxo e un compañeiro como hai poucos (por certo, o que se fixo no karaoke, queda no karaoke, nada de circular vídeos).