Coppini

COPPINI, ÚLTIMA HOMENAXE

Era outubro de 2008. Estabamos a perfilar a segunda edición da Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol cando nos sobreveu unha idea luminosa: convidar a un dos nosos ídolos de mocidade, quintaesencia poética do pop dos 80, fundador da maior banda musical que teña dado Galicia (con permiso dos Tamara) e figura determinante da movida de Vigo. Estamos a falar, como é sabido, de Germán Coppini.

O establishment da modernez cultural galega fórao agochando, quizás porque estorbaba a uns cantos egos ávidos de protagonismo. En calquera caso, e á marxe de miserias, Coppini seguía plenamente vixente para nós, en primeira liña da emoción, sexa mediante o repertorio de Golpes Bajos ou coa súa carreira en solitario. Facía demasiado tempo que non se lle escoitaba en Galicia e, o que era máis sangrante, non lembrabamos ningunha clase de recoñecemento entre nós ao seu labor e traxectoria.

A idea de partida era revisitar os temas de Golpes desde un prisma contemporáneo. Así llo comentamos a Germán, e este, penso que gratamente sorprendido, prestouse ao xogo. Para iso debiamos pensar en músicos libres e arroutados que inxectasen humor naquela psicodelia nostálxica e máis ben escura.

Pois ben, unha noite, mentres ceábamos Mauro Sanín e máis eu uns deliciosos peixes fritidos no Mesón Alfonso, prendeu a faísca e tivemos a revelación: debiamos convencer á xente da O.M.E.GA. (Orquestra de Música Espontánea de Galicia) de que se fixesen cargo da dirección musical do concerto. Orquestra O.M.E.GA. era unha constelación de mestres da improvisación, do ruidismo e da experimentación sonora.

Dito e feito. O proxecto era un tanto excéntrico aos propósitos da O.M.E.GA., pero unha facción dos seus integrantes, autodenominados para a ocasión como “Comando Delta”, asumiu con entusiasmo o encargo. Once artistas xunto ao propio Coppini deliraron unhas cantas melodías de Golpes, mesturándoas con poesía, psicofonías e gruñidos ate desembocar nunha proposta rara e preciosa.

Probablemente se trate da última homenaxe en vida que teña recibido Germán Coppini en Galicia. Foi no Teatro Jofre de Ferrol, un 18 de abril de 2009, e alí estiveron todos os poetas salvaxes desta terra (en presenza ou en ánimo), vivindo un momento inesquecible, vibrante,  pleno de maxia.

Co permiso da súa compañeira Elvira, dos músicos de Comando Delta e dos fotógrafos Ovidio Aldegunde e Iván Rouco, que nos cederon o seu material, ofrecémosvos agora esta pequena selección fotográfica (inédita), e a gravación daquel concerto. Sirva como xesto de amor a Germán Coppini e ao seu legado.

Saúde!

Unha opinión sobre “Coppini

  1. Ben creo que habería que nomear a quén fixo posible isto, económicamente e organizativamente polo menos…Mercedes Carbajales, Concelleira de Cultura do COncello de Ferrol entre outubro de 2008 e xuño de 2011. É de ben nacido ser agradecido.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s