Conxo, a Festa do Banquete

En marzo de 1856 un grupo de poetas convidaron a obreiros/as de Compostela a un banquete nas beiras do río Sar. Durante o acto léronse proclamas progresistas, en defensa da liberdade e da igualdade. Aquel convite foi considerado subversivo polos poderes dominantes da época, o exército arrodeou aos/ás comensais e os promotores (Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Luís Rodríguez Seoane) foron ameazados co desterro. Desde entón, o Banquete de Conxo é un dos meirandes fitos da nosa historia.

En 1956, o Consello da Galiza (o goberno galego no exilio que presidira Castelao), organizou un banquete multitudinario en Buenos Aires para conmemorar o centenario.

O 22 de abril de 2018 celebramos en Conxo unha festa fraternal, lúdica e reivindicativa en lembranza daquela mocidade demócrata e do seu xesto audaz.

Quixemos crear un evento ao servizo da cohesión social e do orgullo de pertenza do barrio de Conxo. Quixemos pór en marcha a festa histórica que Compostela non tiña. E por suposto quixemos axudar a divulgar o episodio do Banquete de Conxo.

Penso que os obxectivos se cumpriron, pero ademais atopámonos cun regalo inesperado: a Festa do Banquete converteuse na gran romaría popular da cidade.