Cultura e sustentabilidade: conversa con Lluís Bonet

No marco das xornadas en liña “Futuros presentes: conversas sobre cultura e sustentabilidade” que oragnizamos desde o Consello da Cultura Galega entre o 9 e o 12 de febreiro de 2021 tiven a oportunidade de escoitar e conversar co mestre Lluís Bonet, director da área de posgraos en xestión cultural da Universitat de Barcelona. Non é fácil definir un marco teórico que comprenda o triángulo entre cultura, economía e sustentabilidade, pero grazas á solvencia intelectual de Bonet, a cousa foi tomando forma 🙂

Deixo aquí a ligazón á sesión completa:

Intervención no Parlamento de Galicia

O pasado venres 27/11/2020 comparecín no Parlamento de Galicia, convidado pola Comisión para a Reactivación Económica, Social e Cultural logo da pandemia da Covid-19. Durante a miña intervención analicei a evolución do sistema cultural galego na última década e sinalei unha batería de propostas para a súa mellora sustentable.

Moitas grazas ás deputadas e deputados presentes pola súa calurosa acollida. Polo ben da cultura galega, deséxolles o maior dos acertos no seu cometido.

Podedes ver a comparecencia completa premendo nesta imaxe:

O coronavirus e a cultura

Artigo en La Voz de Galicia

Imaxe Artigo LaVoz

O sector cultural en Galicia xa non ía boiante. A crise económica de 2008 supuxo a caída en picado dos consumos culturais da poboación e o recorte abrupto do gasto público en cultura, o que levou á desaparición dun terzo do emprego. Aqueles autónomos e microempresas que lograron sobrevivir fixérono en condicións moi precarias, sen apenas capacidade de aforro. Como consecuencia, os profesionais da cultura ficaron tremelicando, cunha dúbida existencial sobre a viabilidade do seu futuro.

Nos últimos catro anos, conforme a crise foi quedando atrás, agromaron novas empresas e recuperouse o emprego perdido, en parte grazas á acción cultural dos concellos. Melloraron as cifras e colléronse folgos, tamén co alento do previsible maná investidor do Xacobeo. A pesar de que os problemas estruturais persistían, había un clima de moderado optimismo e daba a impresión de que a cultura se tiña instalado, por fin, nunha certa normalidade.

E daquela chegou o coronavirus e mandou a parar. No momento en que isto escribo pecharon os museos, teatros, bibliotecas, centros cívicos e demais espazos culturais, e anunciaron a súa cancelación ou aprazamento numerosos festivais e eventos ao vivo, co cal a clausura do sector foi súbita e completa. Con todo, o peor non é iso, asumir un peche transitorio, senón as estarrecedoras expectativas a medio prazo. Nos vindeiros meses o gasto público vaise disparar para enfrontar a emerxencia sanitaria e social, co conseguinte endebedamento da economía, o que anuncia un novo período de austeridade. A cultura pode quedar relegada, como en 2008, ás últimas posicións na listaxe de prioridades.

Xogámonos moito. O sector cultural é a ferramenta que dá forma á nosa visión da vida, que dá voz á nosa comunidade e nos permite pensar e sentir por nós mesmos. E tamén é a nosa tarxeta de presentación ante o mundo. Hai uns días, o presidente da Xunta sinalaba que as dúas marcas galegas con maior proxección internacional eran Zara e o Camiño de Santiago, é dicir, unha industria creativa e un fenómeno cultural. Conscientes dese potencial, Francia e Gran Bretaña preservan os seus sectores culturais como ouro en pano. Ou mesmo Alemaña, que vén de declarar a cultura como ben de primeira necesidade.

En datas recentes, dezaoito asociacións profesionais de todas as disciplinas da cultura galega elaboraron unha batería de propostas para tentar sortear o abismo e minimizar os danos. Tamén a consellería competente anunciou unha liña de axudas, aínda por concretar. Polo ben de todas e todos, cómpre desexarlles o maior dos acertos. Non podemos permitirnos que a solución a esta crise sexa similar á anterior, coa desprotección e abandono da cultura.

MARCOS LORENZO